Thursday 16 de May de 2024

Boqueixón inaugura as festas coa visita de Papá Noel aos centros educativos e á residencia de maiores


O programa Nadal Activo para fomentar a conciliación das familias arranca o vindeiro luns con vinte escolares de Infantil e Primaria
O Concello de Boqueixón deu o pistoletazo de saída ao Nadal coa visita de Papá Noel ás escolas unitarias do CRA Boqueixón-Vedra, á EIM Raiña Lupa e á residencia de maiores. Esta é a primeira actividade dun extenso programa para celebrar estas festas e que se desenvolverá nas vindeiras semanas.
O sábado 21 a casa da Cultura de Camporrapado acollerá un espectáculo de maxia. Xa o vindeiro domingo 29 de decembro, no mesmo espazo, Babaluva Teatro representará unha peza teatral sobre intelixencia emocional.
O 25 de decembro celebrarase o Torneo Interparroquial de fútbol sala. En formato triangular, terá lugar no polideportivo do Forte.
E como broche final, as Súas Maxestades de Oriente estarán no Polideportivo de O Forte, onde entregarán agasallos a todos os nenos e nenas de entre 0 e 12 anos. Na Tarde de Reis haberá tamén chocolate con churros para os asistentes, e os rapaces e rapazas poderán gozar con inchables e xogos tradicionais no polideportivo do Forte. Ademais todos os asistentes poderán desfrutar da actuación de Circanelo.
Programa Nadal Activo
Por outra banda, o luns comeza o programa Nadal Activo, un espazo lúdico-educativo para a conciliación da vida laboral e familiar, dirixido a escolares de Educación Infantil e Primaria do municipio. En total hai inscritos 20 nenos e nenas, que desfrutarán de actividades didácticas cun enfoque lúdico.
As sesións desenvolveranse nas instalacións de O Forte os días 23, 26, 27 e 30 de decembro e 2, 3 e 7 de xaneiro, en horario de mañá.